EU

Mi foto
Vilalonga-Sanxenxo, Pontevedra, Spain

martes, 26 de enero de 2010

Dentro duns días pasará un ano e chegarei de novo ata aquí

Uns días, só uns insignificantes días máis e logo poderei respirar de novo, fondo, xunto a ti. Voltarán esas tardes nas que ata un aburrido libro de texto de historia, de galego ou de química pode converterse nunha fábrica de risas, esas tardes de sorrisos e miradas de complicidade. Esas tardes sen fin. Esas noites especiais nas que unha mirada, unha palabra, un abrazo, un bico, un xesto... pode deter o tempo ao noso redor, e arredarnos infinitamente do mundo no que vivimos, para ir parar a ese mundo de fantasía que é estar ao teu carón.
Tamén voltarán os xoves santiagueses con vós, voltarán as litronas, as expedicións polo Campillo, e pola zona vella, e as voltas á casa ao amencer, escarallados, e con moitas anécdotas, que se multiplicarán ao espertar, igual que se multiplicará a dor de cabeza. Voltarán tamén as clases, os horarios malditos do plan Bolonia, e as fins de semana voltarán ser para desconectar, e non para estudar aínda máis.
A realidade pararase para dar paso á imaxinación cando, por fin, chegue de novo o entroido, as brincadeiras por aí adiante, nun mundo onde só existe a maxia, a diversión e, se hai sorte, algún que outro premio. As filloas, as orellas, a troula sen descanso, as refrescantes cervexas e eses bocadillos cando o corpo está a piques de dobrar por canta esquina hai porque xa non dá máis de si.
Todo o que agora desexo que volva, non tardará en se converter na rutina que xa foi, pero entón desexarei que volva a etapa seguinte, o verán, no que o mundo cambia. O traballo pasa de ser estudar a ser currar de verdade, pero o tempo libre xa non será seguir estudando e estudando, senón que será o que a min me pete. Pasar tardes e tardes estomballado na praia convosco, estomballado na herba contigo, ou estomballado na cama porque a festa deixa a un medio morto. E en toda esta festa, un inciso para recuperar as matemáticas, pero iso, amigos meus, impórtame un carallo.
Despois empezará un novo ano lectivo, que non terá coma este, a estraña experiencia de entrar na universidade, nin a estraña experiencia de compartir piso con vós por primeira vez, pero que terá a valiosa experiencia de ser un pouco máis experimentados, e pasará voando o tempo, e de novo nos arrepentiremos de non ter collido máis apuntes, e de novo un Nadal rañando a pirola, e de novo uns exames, e de novo este desexo de que rematen.
En fin, así é a nosa vida vista a un relativamente curto prazo. Segundo se mire pode parecer monótona, repetitiva ou miserenta, pero eu teño pensado aproveitar a maxia de cada momento, que é o único que levarei comigo desta vida. Bueno, iso e máis o bandullo ben cheo.